A Banda da Loba e Ortiga presentan os seus discos no ciclo Xacobeo’21

13/08/2020

O próximo venres, o quinteto de voces femininas actuará en Melide e o artista do “merengue diabólico” en Boiro

Unha dobre presentación a cargo da Banda da Loba e Ortiga forman parte da axenda do próximo venres dos directos do Xacobeo’21 na provincia coruñesa. O quinteto de voces femininas actuará no localidade de Melide, mentres que o artista do “merengue diabólico” e a “cumbia millennial” estará en Boiro, grazas a este ciclo que forma parte do Plan de Reactivación dos Sectores Culturais e Turístico da Xunta de Galicia. Unha aposta financiada integramente polo Goberno galego e coordinado pola Asociación Galega de Salas de Concertos.

Na sala Fundación, Melide, estará A Banda da Loba. Un proxecto no que cinco mulleres dan voz a un repertorio que se compón de letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres u outros textos tomados de poemas de escritoras contemporáneas. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, pop ou folk. Bailando as rúas foi o seu primeiro álbum (20147) co que lograron un gran éxito: máis de setenta concertos e importantes premios como o Aritmar Galiza e Portugal á mellor canción en lingua galega, premio que compartiron co portugués Salvador Sobral. Foron finalistas dos premios Martín Códax e nos premios La Opinión. En 2019 recibiron o premio da Deputación da Coruña e Fademur (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais) con motivo do Día Internacional da Muller Rural. Agora, atópanse en plena xira de presentación de Fábrica de luz, un traballo co que son finalistas aos premios MIN
–aínda se descoñece o veredicto do xurado-. O álbum é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo: a lingua e a terra son as primeiras madres. “As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loia e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz”, afirman.

Case á vez, en Boiro, a sala A Pousada contará co concerto de Ortiga. O artista presenta Chicho & sus chichas. O seu álbum debut co que dispara sonoridades tropicais a través dunha auténtica fábrica de baile millennial que, en vez de mirar ao Caribe, mira á ría de Pontevedra. Este traballo cheira a graxa e caixa de ritmo, a escozor e clase de zumba, a exposición de arte trash dixital e a trap despois do trap. Soa a Mentirosa de Ráfaga e ao Supernatural de Santana á vez, a róster compartido entre la Fania Records e La Vendición.

Entradas recomendadas