Bases da convocatoria de Bandas

A Xunta de Galicia e Clubtura pon en marcha Directos Xacobeo’21 en Salas, un proxecto incluído no Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico do Goberno galego, que ten como obxectivo estimular a recuperación da actividade dos profesionais da música en vivo e das salas galegas de concertos fronte aos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19. A Xunta achega a totalidade do financiamento deste programa, en tanto que Clubtura asume a súa organización.

As presente bases regulan a admisión de salas de concertos dentro do programa Directos Xacobeo’21 en Salas. Todas as salas que decidan presentarse a esta convocatoria asumen e aceptan as presentes bases, e comprométense a cumprir coa normativa do proxecto tal e como se detalla neste documento.

Condicións de participación

  • Poderán inscribirse todas aquelas propostas musicais galegas que o desexen.
  • Os artistas e propostas que desexen presentar a súa candidatura deberán enviar a ficha de solicitude cuberta, axuntando imaxes da banda en jpg, ao correo electrónico artistas@directosxacobeo.com
  • Non se permitirá a contratación ou programación de ningún artista que non figure na listaxe oficial de inscritos.
  • Os artistas deberán concretar o caché da súa proposta, que poderá ser negociado se así o desexan, pero que en ningún momento poderá quedar por debaixo dos seguintes estándares (IVE incluido):
    • Solista: 175€
    • Dúo: 320€
    • Trío: 480€
    • Cuarteto: 640€
    • Quinteto: 800€
    • Máis de 6 membros: 150€ por membro
    • Nin por riba do tope salarial máximo acordado, que ascende a 2.500€, independentemente do número de músicos membros do proxecto.
  • Ningunha proposta artística poderá contar con máis de 2 concertos programados dentro desde ciclo.
  • Artistas e sala deberán asinar un contrato que estipule a relación mercantil entre ambas partes, mediante modelo base proporcionado pola organización.
  • Os artistas percibirán o pago do seu caché íntegro por parte da sala programadora, nun prazo non superior a 30 días, mediante transferencia bancaria, previa presentación da correspondente factura.
  • Todos os artistas participantes deberán contar coa súa alta na seguridade social, que deberán presentar á sala acolledora 48 horas antes da celebración do concerto. Se os artistas son autónomos, deberán presentar a alta de autónomo e o último recibo abonado. Se son traballadores por conta allea, deberán presentar a alta na seguridade social pertinente.
  • Os artistas participantes comprométense a acordar coa sala acolledora os horarios de probas de son.
  • Os artistas participantes comprométense a enviar todos os datos biográficos e artísticos requiridos polo equipo de comunicación para a redacción e envío de notas a medios.
  • Os artistas participantes comprométense a publicitar nas súas redes sociais e páxinas web os concertos programados dentro do ciclo, facendo constar o nome do mesmo, e o dos organizadores y coordinadores: Xunta de Galicia, Xacobeo 21 e Clubtura.
  • Todos os concertos contarán con billeteira de pago, que será para a sala acolledora, e que en ningún caso poderá ser inferior aos 3€.
  • Todos os concertos serán gravados por un equipo profesional, en formato multicámara, e editados engadindo printers informativos. Os artistas participantes comprométense a permitir e facilitar esta gravación, que será titularidade de Clubtura como empresa contratante do servizo, pero cuxos dereitos de son serán íntegramente dos artistas participantes.
  • Os artistas poderán dispoñer da devandita gravación a todos os efectos, con permiso de distribución e emprego en todos os canais e fórmulas que desexen, asumindo a responsabilidade legal correspondente no momento de facelo.

Documentación a presentar

  • Ficha de solicitude cuberta.
  • Fotografías do proxecto.
  • Biografía do proxecto artístico en formato word ou similar.
  • Declaración responsable de atoparse en situación legal de poder realizar concertos en condicións de legalidade.

Fórmula de presentación

A devandita documentación debe remitirse, dentro das datas establecidas para elo, ao correo electrónico artistas@directosxacobeo.com, dende o 16 de xuño até ás 23:59 horas do 22 de xuño.

Ficha de solicitude