Directos Xacobeo’21 ofrecerá máis de 130 concertos nas salas galegas

05/08/2020

Os directos -máis de 130 citas-, que terán lugar en 35 salas profesionais de concertos repartidas por toda Galicia, contarán co talento de máis de 100 bandas galegas, e poderán desfrutarse tamén online en diferido.

O Conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o presidente de Clubtura, Alberto Grandío, presentaron hoxe o proxecto, coordinado pola Asociación Galega de Salas de Concertos, e financiado integramente pola Xunta de Galicia a través do Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico do Goberno galego.

O Náutico, unha das salas máis emblemáticas de Galicia, foi o escenario que acolleu a presentación oficial do Ciclo Directos Xacobeo’21 nas Salas, un proxecto coordinado por Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, e financiado integramente pola Xunta de Galicia, a través do Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico do Goberno galego.

Nun acto que contou coa presencia do Conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e que arrancou co son en directo da banda Blues do País, o Presidente de Clubtura, Alberto Grandío, quixo destacar a importancia de protexer un sector, o das salas de concertos, que sirve “non so como vehículo de difusión cultural, senón tamén como berce para o nacemento e crecemento de grandes propostas artísticas. Os meirandes artistas de todos os tempos comezaron tocando nas salas, e as bandas que participan neste proxecto teñen calidade de sobra para chegar ao máis alto, pero non poderán facelo se as salas desaparecemos”.

Precisamente ese, a desaparición dunha importante parte das salas de concertos de Galicia, é un dos maiores medos dun sector que vive con incerteza crecente os efectos da crise do COVID-19, que obrigou a manter pechadas as salas galegas entre marzo e xuño, os meses de máis traballo para o sector, e que impón agora restricións de aforo e novas medidas sanitarias para garantir a seguridade, que dificultan moito o desenvolvemento do traballo.

Con estas premisas, Clubtura e a Xunta de Galicia deseñaron Directos Xacobeo 21 nas Salas, “un circuíto que axudará tanto ás salas galegas como ás bandas galegas a seguir traballando e a intentar sobrevivir nun ano especialmente complexo, garantindo así a supervivencia do sector musical en Galicia”, tal e como explicaba Grandío.

“É moi importante deixar claro que a cultura non é soamente ocio, é un dereito, e a música en directo é precisamente iso, cultura. Por iso é moi importante que existan proxectos coma este, que axuden á difusión cultural e acheguen o traballo das salas de concertos ao público”, apuntaban dende a Presidencia de Clubtura.

Este traballo de achegamento conta, neste caso, cun apoio máis, posto que todos os directos son gravados a multicámara e emitidos en diferido na web www.directosxacobeo.com, algo que permite ás salas e ás bandas contrarrestar parcialmente as restricións de aforo marcadas pola normativa.

Pola súa banda Javier Prado, vogal da Asociación Músicas ao Vivo, quixo destacar que “toda crise crea unha oportunidade, e estes directos son unha oportunidade fantástica para demostrar a enorme calidade que a música ten en Galicia”, e a importancia que as gravacións de vídeo aportan a este ciclo, “que permitirán difundir o traballo de artistas e salas”.

O Conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, foi o encargado de pechar o acto, e plantexar a cifras dun proxecto que contar con 400.000€ de orzamento. “É necesario replantexar os formatos e propoñer accións que permitan reactivar os sectores cultural e turístico, e este proxecto mestura ambas cousas, permitindo que a industria cultural galega siga traballando e facendo o que mellor sabe facer”.

Segundo o propio Román Rodríguez, esta acción “revaloriza a labor das salas e dos músicos, busca sumar aos artistas e ás salas de concertos, apoiando a ambos colectivos cos principios básicos de respecto aos aforos e ás normas hixiénicas e sanitarias”. Apelou ademais á responsabilidade individual no momento de acudir ás salas de concertos.

 

Directos Xacobeo’21 en Salas, en cifras

  • Investimento total de 400.000€, aportados integramente pola Xunta de Galicia
  • 35 salas galegas participantes
    • 16 na provincia da Coruña
    • 12 na provincia de Pontevedra
    • 5 na provincia de Ourense
    • 2 na provincia de Lugo
  • 131 concertos programados
    • 70% antes do 1 de outubro
  • 108 bandas galegas participantes
  • Todos os concertos son gravados a multicámara e poden verse no canal youtube do proxecto, e na propia web, 48 horas despois do directo
  • Data de comezo: martes 28 de xullo
  • Data de remate: 31 de outubro

Entradas recomendadas