Música pop e tradicional nos Directos do Xacobeo’21 en Ourense

15/08/2020

Habelas Hainas estará en Vilar de Santos o domingo e
La Casa de los Ingleses en O Barco de Valdeorras, o martes

O Xacobeo’21 ten dúas citas nos próximos días na provincia de Ourense. A primeira será na sala A Arca de Noe (Vilar de Santos), onde a música tradicional será a gran protagonista con Habelas Hainas, o domingo. O próximo martes, ata a sala Bajo 5 (O Barco de Valdeorras) achegarase o grupo de pop La Casa de los Ingleses. Este ciclo forma parte do Plan de Reactivación dos Sectores Culturais e Turístico da Xunta de Galicia. Unha aposta financiada integramente polo Goberno galego e coordinado pola Asociación Galega de Salas de Concertos.

Sandra Tamayo (acordeón, gaita, pandeiro cadrado), Patricia Gamallo (gaita, pandeiro cadrado, guitarra), Arantza Alfaia (tamboril, caixón peruano, ferriños, derbuka) e Jara Ortiz (voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes) son Habelas Hainas. Comezaron este proxecto de música de raíz en Compostela en 2010, cunha ollada feminista e social, explorando outras músicas. Experimentan coa tradición e crean un son propio, fresco, enérxico e orixinal nunha intensa traxectoria como como músicas ao vivo. A formación, que conta con dous álbumes –Livres e Loucas e Músicas en pé de festa con Sacha na Horta, Oïma e The Teta’s Vn- actuará o domingo na sala A Arca de Noe ás 20.30 horas.

La Casa de los Ingleses son unha banda de pop, de cancións sinxelas e directas A formación conta cunha coidada estética tanto nas melodías como no escenario. EN 2012 decidiron empezar a tocar en directo e foron moitos e moi variados os concertos que ofreceron desde entón por toda a xeografía galega e en 2015 publicaron o seu primeiro traballo Punto de partida. Nel, a banda demostra a súa inclinación polas melodías efectivas e os medios tempos pegadizos. No seu haber contan con varios premios como Liberty Music Play, Fest2015 ou 15Bolos, ademais de ter compartido escenario con grupos como Novedades Carminha. En 2018 publicaron o seu primeiro LP, La Tierra es plana, que están a presentar nunha xira por todo o territorio estatal e que o próximo martes 18 de agosto chegará á sala Bajo 5 ás 22.30 horas.

Entradas recomendadas